31/07/07

A mellor praia nudista de Galicia, invadida polos 'téxtiles'

A mellor praia nudista de Galicia está na Pobra do Caramiñal, moi pretiño de Cabío. O malo é que nos últimos tempos este areal, chamado Niñeiriños, está sendo literalmente "invadido" polos 'téxtiles'. E tanto é así, que a práctica do nudismo se está convertendo en residual e marxinal, se cadra por desleixo da propia comunidade nudista.

A praia de Niñeiriños é a única de toda a ribeira norte da ría de Arousa onde o nudismo está "tolerado". De feito, a praia figura en numerosas webs naturistas e ata a recoñecen como tal, como nudista, na propia Oficina de Turismo da Pobra.

É unha praia única e espectacular. Ten augas tranquilas, area fina, un piñeiral a carón... pero tamén tantos 'téxtiles' que moitas veces se fai realmente incómoda a práctica do nudismo (e iso que a zona onde a xente toma o sol espida non chega nin aos 100 metros de lonxitude fronte ás ducias de quilómetros de praia que poden gozar os 'téxtiles').

Por iso, facemos un chamamento desde esta páxina para que a xente que fai naturismo se anime a pasar por Niñeiriños... ou corremos o risco de quedar sen a única praia nudista do interior da ría!

Como chegar

Contrariamente ao que acontece coa maioría das praias nudistas de Galicia, para chegar a Niñeiriños non hai que facer moitos malabarismos. Hai dúas maneiras, ou ben deixar o coche aparcado no merendeiro que hai a carón do estadio de fútbol que queda a continuación de Cabío... ou ben aparcar o coche nun piñeiral ao que se accede a través dun carreiro en bastante mal estado pero de percorrido relativamente curto.

A opción máis beneficiosa para o noso coche está marcada en vermello. O coche hai que deixalo nun aparcadoiro a carón do merendeiro situado á beira do estadio, e logo báixase andando á praia, ou ben por un camiño que hai polo medio do bosque, ou ben a través dunha pendente e logo a través das rochas ata chegar á zona nudista (marcada en verde).

A opción máis cómoda, pero peor para o coche está marcada en rosa. Un pouco máis adiante do estadio, hai un desvío cara á dereita que vai dar a varios chalés. Cómpre seguir a estrada todo o tempo... ata que chegamos a un carreiro de mala morte (marcado en rosa escuro). Recoméndase pitar varias veces antes de entrar nel porque en caso de que haxa dous coches (un que suba e outro que baixe) algún dos dous ten que recuar e é bastante incómodo. Despois de atravesar ese carreiro de 200 metros, chegamos a un piñeiral onde deixar o coche. A praia está alí mesmo!